O laboratorio, formado por sensores e pantallas interactivas, está instalado no Pazo Provincial e na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense
A Deputación de Ourense, como beneficiaria do Proxecto NOVA TFE “NOVAS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO PARA PEMES BASADAS NAS TECNOLOXÍAS FACILITADORAS ESENCIAIS (TFE)”, proxecto cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, impulsa dentro do mesmo unha actuación conxunta no Pazo Provincial e no Campus da cidade de Ourense.
O proxecto NOVA TFE centrase na investigación aplicada relacionada co internet das cousas (especialmente Smart City) e a fabricación avanzada.
O seu obxectivo é dar resposta os retos relacionados ca necesidade de creación de novas solucións industriais máis competitivas, ante a crecente competencia internacional. Todo elo, co uso eficiente de recursos e materias primas e a produción sostible.
Diferenciase dos sistemas tradicionais na axilización da produción e a diminución do consumo de materiais empregados, mellorando a precisión na fabricación e cun menor impacto medioambiental.
Ao fío deste proxecto acaba de rematar a instalación de distintos equipamentos e un Kit de desenvolvedores para a medición de distintas variables co fin de ofrecer un laboratorio vivinte (Living Lab) con medidas de sensores e actuacións sobre diversos equipos, pensados para as propias PEMEs como lugares de validación e centros demostradores de cara a convencer a potenciais socios financeiros e clientes.
Os sensores que se instalaron medirán variables como a presenza (control de acceso), temperatura e humidade, calidade do aire, contaminación acústica, consumo enerxético e consumo de auga, proporcionando unha serie de indicadores co obxectivo de optimizar e facer un uso eficiente dos recursos enerxéticos, xerando un menor impacto ambiental.
Ademais instaláronse dúas pantallas interactivas, unha na Pazo da Deputación Provincial de Ourense e outra na Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense (ESEI), para a visualización permanente dos datos.
A maiores da optimización de recursos, buscase que os emprendedores e investigadores poidan desenvolver os seus proxectos ou interconectar os mesmos a esta plataforma de xestión. Os datos que recollen estes sensores tamén estarán integrados na Plataforma Smart City que posúe a Deputación de Ourense.